artigo de opinión, publicado como resposta a un tema no foro de Correr en Galicia
Xa que perdín o tempo escribindo isto alí, vouno publicar no blog como reflexión e opinión acerca do tema do que costa ir ás carreiras populares.
é caro correr?
Correr é barato (virtualmente coste cero), pero ir ás carreiras populares de xeito regular é un deporte de clase media acomodada. Así que como ostentación pagamos o que corresponda e punto. Igual que “ir de viños”, pillar un móbil artificialmente caro ou corenta cousas máis (cada quen temos as nosas).
Ir a dúas ou tres carreiras ao mes, entre inscricións e desprazamento, non é un gasto menor se xa vas ao día. Non digo nada se vas coa familia e comedes por alí. E xa non falo de coller o fin de semana e “facer unha escapada” para ir a unha carreira.
Dentro dese gasto o da inscrición pode que incluso non sexa o maior, pero como é “directo” faise máis evidente que por exemplo o do desprazamento.
Con ises cartos mércaslle zapatos ao fillo (un pouco de demagoxia).
Non renego do bonito de participar nas carreiras, pero hai quen temos sorte de poder decidir ir ou non pero outras persoas directamente non poden.
A parafernalia das carreiras a min supérame, certo que isto é unha tara personal. Hai moito tempo que dixen que os concellos danlle os cartos a unha empresa/clube co único obxectivo de despois aparentar “fomento do deporte” cando fan notas de prensa. Pode parecer cínico, pero é o que me parece. Di ti que tamén “fomentan o desenvolvemento económico das empresas”, unha subvención como outra calquera.
Se o concello pon cartos, a carreira debería ser gratis para menores de idade, parados e xubilados. Para o resto facer unha estimación dos gastos a partir das necesidades básicas de seguridade e organización. Contratar a Terio Carrera non é unha necesidade básica (nada en contra del); a “bolsa” do corredor tampouco; a camiseta? pfff Y de este caballo no me bajáis 😄
Poñer a policía local/protección civil a controlar a zona, unha auga cando fai calor, fomentar a participación con campañas publicitarias e actividades recurrentes nos barrios/comarca, colaborar cos clubes da comarca, … iso paréceme máis básico.
Hai xente por aquí que ía ás carreiras cando pintaban unha raia do chan, poñías un folio no peito no número escrito a man e dábanche unha botella de auga na meta. Non desfrutabamos menos que agora con chisp, hinchables, speakers (!!!), camisetas “técnicas”, bolsas con chucherías e mostras de produtos, e os tempos no móbil nada máis cruzar a meta. Cousas das que unha empresa, lexítimamente, espera obter unha plusvalía.
Se as persoas demandan (demandamos) estos servizos, pois a pagalos e a chorar a Cangas. Ou dalle dúas voltas ao parque do teu barrio picándote co cuñado o domingo pola mañán.
corolario
o publicado ten o contexto do tema no foro, sobre a inflación positiva que sufren as inscricións a carreiras populares que non ten visos de baixar.
A min o que máis me importa é a participación das entidades públicas no fomento de actividades para a saúde, non se é caro ou barato, porque cada quen cos seus cartos que faga o que estime.
"imaxe bonita de dúas mulleres nun ParkRun"
Non temos parkrun en España, nin esa cultura (con outro nome).