Inicio

Blog

 

E fixemos a luz.

 

de Salvador Bará (@salvabara@astrodon.social)

 

Recensión traída desde Bookwyrm

 

Obertura.

 

O libro é unha porta aberta á curiosidade, para despertala ou estimulala.

 

Interludio.

 

Que un fotón se defina como unha partícula sempre me leva a confusión. É desas cousas que por máis que les non acabas de cambiar o concepto inicial que dela tiveches (ou creras entender). O meu problema son todas as connotacións que asocio á palabra partícula, entre elas a masa, a finitude, corporidade,... imaxino boliñas. Por se non abondase, resulta que é un bosón e ademáis participa en tres das catro interaccións básicas da materia. Isto non ven no libro (nin falta fai).

 

Ven isto a conto de varios momentos do libro onde ao lelos pensaba "vale, si, pero é algo máis complicado de como o contas".

 

Lembro cando abrín unha conta en pixelfed puxen na descrición algo así como "gústame a luz". Algo pretencioso, coelhesco, aparentemente xenérico pero que viña a significar moitas das cousas que se describen neste libro, sobre a omnipresencia da luz (literalmente), todas as súas aplicacións (tecnolóxicas ou non) así como da súa beleza.

 

Por formación profesional teño un nivel básico de coñecemento da historia e a ciencia básica que subxace na descrición que fai o autor sobre como foi evolucionando na historia o concepto de luz, así como os avances tecnolóxicos que do seu coñecemento saíron e as preguntas que este coñecemento permitiu facer, é dicir, a ciencia básica (teórica) retroalimentandose coa materialidade profana do laboratorio (e o mercado). Coñecer algún dos eventos e fitos descritos non quita emoción ao lelos de novo, así como tamén desfrutar da emoción evocada por lembrar esas formulacións teóricas aparentemente simples, cunhas ecuacións que encerran en si mesmas mundos (Maxwell, por exemplo). Lembro o loquísimo que me pareceu poder describir, con "números", unha onda tras ser difractada/reflexada/refractada. A Einstein/Plank/etc. non chego XD. Vale, pérdome falando de min.

 

Tema principal da obra.

 

O título da obra explícase indirectamente no último capítulo (unha elipse? dise así?) e fai referencia ao antropocentrismo do concepto luz. Isto non é un spoiler.

 

En realidade o libro fala da radiación electromagnética, como estivo presente desde pouco despois do Big Bang. Un concepto descrito (conxeturado) despois de todas esas aportacións e descubrimentos nas primeiras décadas do século XX grazas a estudar a natureza da luz. Sabías que non houbo luz no Universo ata moito despois do Big Bang? Loquísimo XD (haber había, pero chegaba a ningures)

 

Vai, volvo ao libro.

 

O libro é ameno e fácil de ler, non está orientado a persoas con coñecemento previo sobre a materia tratada, se non que intenta estimular a curiosidade da lectora e a que esta poña en valor a importancia do traballo das persoas que se ocupan dela. Non hai fórmulas matemáticas, nin se enreda en minucias, se non que esboza os fitos científicos que levaron a descubrimentos posteriores, tanto teóricos como prácticos no noso día a día (desde procedementos médicos e probas diagnósticas ata o "internet").

 

Está escrito con palabras simples e próximas, intentando resumir de xeito intelexible para persoas con coñecementos básicos as maravillas da luz.

 

Chimpún.

 

Temos ao autor @salvabara@astrodon.social no Fediverso. Tentado estiven de preguntarlle ao ler o libro se cando en astrofísica/cosmoloxía alguén se refiere á materia escura non sente certo pudor, se non se imaxina dentro de cincuenta anos (cincocentos?), coa mesma expresión na cara que alguén que hoxe en día lea sobre o éter luminífero?

 

Todo o respeto aquí por quen desde o método científico se atreve a conxeturar.

 

 

Inicio

Blog