Versión con fotografías na WWW
Ler o artigo na wikipedia sobre o Monte Xiabre da moita peniña 😔
Ten abundante vexetación, debido a ter unhas precipitacións anuais duns 1.500 mm.
"tiña"
Nos últimos anos sufriu moitos incendios forestais que devastaron decenas de hectáreas.
Así é. Pasamos por zonas onde aínda había chamizos e chamoume moito a atención xa na carreia o árido que estaba o chan en moitas zonas empinadas, a media ladeira sobre todo, un chan solto, sen cohesión. En montes parecidos da comarca pode que non haxa árbores, pero si vexetación baixa, e o chan é diferente, con outra cor, con consistencia e non como grava e terra secas.
Tamén fun consciente no momento de pasar correndo, cando cruzamos un par de regueiros... que non levaban auga. En abril, en Galiza. Claramente (polo tipo de rochas, restos de musgo,...) por alí tiña pasado moita auga e agora estaba totalmente seco e prácticamente non había árbores (vese que están plantando eucaliptos), quedaba só o rego seco nunha imaxe que igual en setembro pode darse, pero non en abril. Fun consciente no momento de que alí pasaba algo raro, de que ou estaban a desviar a auga ao remexer no monte, ou canalizacións, ... o que fose. Probablemente sexa que non hai árbores. Plantando eucaliptos non vai volver a correr a auga.
cando cheguei ao alto do Xiabre, pregunteille a un par de persoas que estaban alí se o monte que se vía en fronte era "o de Padrón". Non tiñan nin idea, incluso sendo da comarca (dixéronmo). A min pareceume triste non coñecer a xeografía local. Non saber que monte é aquel tan grande e prominente, se o río é este ou aquel, se a vila que se ve aló ao lonxe é aqueloutra. Eu vou ás carreiras para aprender iso!! Non sei, cada quen temos a cabeza como a temos e non debo facer xuizos de valor. Pero meh! 😄
O monte non era "o de Padrón", era o Monte Xesteiras, en Cuntis, do outro lado da Depresión Meridiana
Xirando 180º temos unha vista moi fermosa da ría de Arousa, con Vilagarcía ao pé, A Illa a man esquerda, intúese Catoira na dereita. Do outro lado temos a serra do Barbanza, desde Boiro ata Aguiño, destacando a forma tan significativa da Curota (A Pobra). Por aqueles montes teño corrido dúcias de veces, sempre mirando cara os que hoxe desfrutei.
Ignorancia dobre pola miña parte.
O nome da carreira é Trail Laxe dos Bolos, que tomaron de A laxe dos bolos, non sabía da significancia dos petroglifos que descubriron fai non moitos anos e que contextualiza este artigo en Galiciencia.
Durante a carreira non pasamos ao seu pé, pero tampouco vería moito, sen sangue chegandome ao cerebro 😄
que si, Caldas (augas quentes), termas, auga,... pero non pensei que as súas pontes "romanas" eran "romanas de verdade", como a Ponte Bermaña, sobre o rego do mesmo nome.
despois de seis meses sen participar en ningunha carreira (por vontade propia) pareceume ben ir dar unha volta a Caldas de Reis (PO), que nunca correra alí, nin subira ao monte Xiabre que se ve desde tantos lugares na comarca.
saíndo de Caldas subimos por pendentes moderadas directamente ao monte Xiabre, baixamos case ao mesmo nivel e despois encadeamos tres subidas con maior inclinación, para baixar por onde subimos a primeira vez
a subida inicial non era demasiado empinada, e fun gardando forzas xa desde o inicio (fun dous ou tres quilómetros o último, á mantenta) porque facía bastante calor. Moi agradable, se me preguntas, pero afortunadamente non faltaba auga nos avituallamentos. Fun indo ao xeito, con esforzo pero sen matarme.
Así que cheguei relativamente enteiro e de bo humor a meta (isto é moi significativo). O terreo por aló arriba estaba bastante roto e entroume algunha grava na zapatilla que tardei demasiado tempo en determe e quitala. Foi a única molestia física que tiven, pero aínda agora que escribo isto moléstame ao andar. Erro de novato.
O momento de máis disfrute da ruta foi a falta de tres ou catro quilómetros que cruzamos un rego (este si con auga) e axeonlleime e botei auga por enriba como duchándome. Moito me prestou, fría como estaba. Xa durante a carreira aproveitei calquera rego de auga para botar por enriba (isto axuda moito), pero neste último recreeime un minuto.
Non eramos moitos nesta distancia, menos de 100, e prácticamente non coñecía a ninguén e só compartir algunha palabra coas demais corredoras durante a carreira.
A organización ten marxe de mellora, pero foi todo moi correcto e paseino ben.
Durante a carreira fun publicando algunha foto en directo, Fío no Fediverso (gotosocial-FediphotoApp)
Depresión Meridiana (xeoloxía)
A laxe dos bolos (petroglifos)
A laxe dos bolos en Galiciencia (artigo que contextualiza a súa importancia)