Hai persoas no Fediverso⁂ que publican utilizando varios idiomas e toman a molestia de establecer o idioma da publicación correctamente. Igual que eleximos o nivel de visibilidade (pública, fóra de listas,… ) tamén podemos establecer o idioma premendo no indicador correspondente na zona inferior da caixa de escritura do texto.
Nas preferencias de Mastodon podemos establecer o noso idioma predeterminado á hora de publicar, e premendo no indicador de «Idioma» (as súas iniciais) podemos cambialo para a publicación que estamos a redactar.
A efectividade de estas ferramentas depende do software (clientes e tipo de servidores) que se está a utilizar. Unha das eivas do software libre: a nivel de adopción de características non establecidas nos estándares. Pasa o mesmo, por exemplo, coas reaccións ás publicacións que teñen en Pleroma/Misskey/Akkoma. Minucias 😄
Deste xeito a rede benefíciase en dous niveis.
podes establecer nas preferencias da conta filtrar os idiomas das túas cronoloxías, así só aparecerían as publicacións que estivesen correctamente etiquetadas con eses idiomas.
Preferencias > Outro > Filtrar idiomas, onde marcarás os idiomas que queres ler e deixarás de ver os que non estean seleccionados.
É de gran utilidade se che gusta mirar a cronoloxía federada e te sintes agobiada con publicacións que non comprendes.
Se unha usuaria que estás a seguir publica utilizando varios idiomas pero a ti só che interesa o que publica nun deles entón podes establecer un filtro para esa conta e só verás as publicacións feitas¹ no idioma seleccionado.
Na interface web² prememos no @identificador da usuaria para ver o seu perfil.
No lado dereito temos a campá para establecer notificacións personais sobre esa conta e ao seu carón están os tres puntos ⋮ onde temos aínda máis opcións, entre elas Modificar os idiomas subscritos³
Aquí aparecerán os idiomas que a usuaria indicou que utiliza (aparecen automáticamente). Se a usuaria non estableceu correctamente o idioma entón non aparece na lista, por moito que en realidade escriba utilizando varios.
Selecciona os que che interesen
O nivel de adopción desta práctica é baixo, na miña experiencia menor aínda que a de describir o multimedia que publicamos, que xa é dicir, pero por min que non quede.
¹ se a usuaria establece este valor á hora de publicar, como indico ao inicio deste artigo.
² hai clientes que tamén permiten establecer o axuste, pero mellor ir á interface web.
³ esta opción só aparece se estamos a seguir esa conta.