autor: Haruki Murakami
Orixe do texto: fediverso¹
Moi fan deste home. Ata hoxe, todo o que lin del paréceme marabilla.
Certo que levoume un mes ler as primeiras 100 páxinas, pero non é culpa del, a historia hai que mastigala e asentala. Comeza ao xeito en que escribe Murakami, que parece que non pasa nada, que todo é trivial. Non hai esas florituras, eses trucos efectistas que te fan seguir lendo. Aquí hai un fío (pun intended) que o conecta todo e acompañamos ao protagonista a darlle sentido ao sarillo do que forma parte.
Complícase a cousa porque, tamén recurrente nel, por veces temos os pés na realidade e outras na fantasía. Na vixia ou nos pesadelos?
A historia diría que é o de menos. Os protagonistas falan de como se sinten, da necesidade dalgún tipo de amor (cariño, afecto, confianza, apoio,… a forma de amor que elixas) e as dificultades particulares que afrontan e como xestiona cada un ao seu xeito toda esa ansia na súa cabeza. E a soidade, claro.
Foime fácil identificarme con algún personaxe. Con Gotanda, o famoso actor? con Ame, supertalentosa e cero empática? con Yuki, florecendo á vida? co poeta manco? XD Pode que un pouco con todos.
Unha idea-forza que flota sobre toda a novela é que O Capitalismo é un axente corruptor de primeira orde do altamente corruptible ser humano. Desde a calidade da música, un tema recurrente en Murakami, ata a (mala) alimentación, a moda,… Cambias Yoko Ono por Capitalismo e a Murakami parécelle ben.
Tamén digo que, se fala sobre a conveniencia non comer lixo para o benestar físico e mental, non sei se é tan evidente o alcolismo do protagonista (e outros). Quero dicir que non o explicita, pero vamos, aos meus ollos era o mesmo que ver unha teleserie americana calquera, que están pimplando continuamente. Aínda onte, nun episodio que vin, dicía un personaxe ao chegar bébeda ás tres da mañán: «qué pasa!? he ido a relajarme después del trabajo.»
De verdade que creo que, nas películas/series, o alcol é algo normalizado e por tanto descritivo e incluso promovido, non unha crítica subxacente ao alcolismo. Aquí na novela… e diría que si, que é un xeito de mostrar as contradicións dos personaxes, que por unha parte cada un ten as súas virtudes e tamén algúns «defectos», como este que digo. Como calquera de nós.
Ben podería facer Christopher Nolan unha película desas que non hai dios que entenda nada pero que podes dicir «ai si rei, vin a peli» e podes facer algunha interpretación rara e quedar coma dios.
Non teño dúbidas con Murakami, lerei todo, cando sexa. Creo que entendo o que escribe. Mis dieses.
¹
https://bookrastinating.com/user/ghose/review/725684/s/tira-do-fio-sigue-a-intuicion#anchor-725684